jueves, 17 de mayo de 2012
Recordando a Paz Andrade para reivindicar a Carvalho Calero
Hoxe é o día das Letras Galegas, propicio para lembrar e meternos na figura de Valentín Paz Andrade, pero tamén, como ferrolán, para continuar reivindicando ao polígrafo Ricardo Carvalho Calero, ao que a RAG lle torce o nariz un ano tras outro nun xesto de certa mezquindade e cuestionable ecuanimidade. Vai sendo hora de que rompan atavismos e sectarismos e fágase xustiza cun intelectual de corpo enteiro que o único "pecado" que cometeu foi defender nunha etapa da súa vida o reintegracionismo, que teoriza con que galego e portugués forman parte do mesmo diasistema linguístico. Isto parece que nublou todos os méritos e desacreditou o compromiso que como galeguista desenvolveu na súa dilatada traxectoria. Paradoxalmente, foi membro numerario desa Real Academia Galega que agora lle nega o pan e o sal, contribuíu á redacción do Estatuto de Autonomía do 1936, interveu na creación do Partido Galeguista, foi represaliado polas súas ideas republicanas, sufriu o cárcere e estivo longos anos apartado da función pública. Ricardo Carvalho Calero, primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galega da Universidade de Santiago, é fillo predilecto de Ferrol e nos anos setenta foi nomeado Ferrolán do Ano polos xornalistas locais, sucedéndolle na distinción a Gonzalo Torrente Ballester. Non quero que se entenda que con esta reflexión trato de usurpar o espazo que lle correspondería a Valentín Paz Andrade. Por ser o homenaxeado deste ano ten xa a divulgación garantida. Baste dicir que tamén se destacou pola súa militancia galeguista, estivo vinculado ao xornalismo, sendo director de Galicia, salvou a vida dun atentado perpetrado por anarquistas que o querían linchar por ser o avogado da patronal de armadores e foi o impulsor da marca comercial Pescanova. Como pode verse, as biografías teñen puntos comúns e ambos os méritos sobrados para merecer a distinción das Letras Galegas. Seguirá a RAG relegando ao noso Carvalho Calero?. Esperemos que non e que para o 2013 ocupe o mencionado lugar de honra que lle pertence.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.