sábado, 9 de marzo de 2013

Agradecido e colmado, Señor Araguas!


O escritor e poeta Vicente Araguas no centro da foto, acompañado
por Francisco Rodríguez (Embora) e Nico Vidal (Diario de Ferrol)


Vicente Araguas, sempre tan bo e xeneroso comigo, faime protagonista dun dos "Miudiños" recollidos na escolma que onte presentou en Sargadelos, arroupado polo director de Edicións Embora Francisco Rodríguez e o xornalista Nico Vidal, de Diario de Ferrol. Foi un acto ben bonito, cun formato tamén escollido para a ocasión, como é suplir o monólogo habitual polo diálogo, que practicaron Araguas e Nico e mesmo nalgún momento a tres bandas coa intervención de "Chisco" Rodríguez. É un pracer escoitálo como lelo. O profesor, poeta, escritor, crítico literario e columnista ten saber enciclopédico, pois se non fora así non tería todos os "oficios" que remato de enumerar. Eu admiro moito ás persoas que teñen sólida cultura libresca (bótalle fío ao papaventos se pensamos nos libros que terá devorado o Araguas) porque se desenvolven moi ben, manexan diversos materiais e claves, son uns grandes conversadores e xa que logo teñen moito que contar e sempre atopan a colaboración dos esgrevios das letras aos que invocan para reforzar as súas teses. Araguas é home agradecido por iso cando me cita adoita adxetivarme como "O señor de Papoi", agora que mudei a paisaxe urbana polo bucolismo do rural. Tamén ten costume de dicir "ao que tanto lle debo". Acepto a expresión polo afecto que entraña, coñecémonos desde hai moito tempo, non polo demáis porque eu ben sabía cando o chamei para que exercese como columnista do Diario de Ferrol que era toda unha fichaxe que ía reportar ao xornal talento e prestixio. De modo e maneira, benquerido amigo, que "el gusto es mío". Hai dous días traía a estas "Acotaciones de un ferrolés" o feliz acontecemento da saída do prelo de "Xuvia-Neda", versión castelán, no que tamén dedícame un dous seus relatos. E ¡moitas outras ocasións! que me ten mentado este ilustre fillo predilecto do Concello de Neda e medalla de ouro do Concello de Ferrol. Agradecido e colmado das súas atencións, señor Araguas!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.