miércoles, 19 de febrero de 2014

Guitiriz con Díaz Castro


De esquerda a dereita, Alcalde Guitiriz, Xosé Mª Teixido,
presidente da RAG, Xesús Alonso Montero e conselleiro
de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria,
 Jesús Vázquez, nos actos do centenario do
poeta Díaz Castro celebrados onte
en Guitiriz
Guitiriz convérteuse onte nun punto de referencia, nun lugar de encontro. Estamos  no centenario do gran poeta Xosé María Díaz Castro, que un 19 de febreiro de 1914 nacía nos Vilares de Parga. E os guitiricenses, como non podía ser doutra maneira, non quixeron que pasase desapercibida a efeméride. Agora, co vate do Vilariño elevado ó cumio das Letras Galegas, a "litúrxia" do aniversario adquire, sen dúbida, un sentido de celebración máis excelso, máis de culto e máis de acción de grazas. Onte, en Guitiriz foi un día de festa grande na que participaron desde os máis novos ata os maiores, homes e mulleres, paisanos, amigos e familiares, cultivadores do intelecto, artesáns do verbo florido. Alí, en Guitiriz, onde o silencio, bálsamo para a mente e o espírito, é roto únicamente polo rumoreo das mansas augas que regan, sen axotar as troitas nin as alas dormidas, a campiña chairega, augas que antano moveron os mil muíños, ríos que pasan pola miña alma cheos de Deus. Alí, en Guitiriz, onde a plasticidade natural, o cromatismo da paisaxe é unha regalía para os cinco sentidos, onde a maxia do bucólico debuxa fértiles paraxes cuxa beleza cantou con tanto lirismo e amor o homenaxeado poeta. Alí, en Guitiriz onde unha herba pequerrechiña alcanza a categoría universal, onde a primavera agroma con tons especiais, as estrelas son de ouro e as noites semellan días, e o sol segue o seu rego deica o mesmo cadullo. Alí, en Guitiriz, onde o poeta estableceu o seu miradoiro con nimbos de lus e lúa chea, onde escribeu: quero morrer de música nunha tarde de pinos/ sen sentir o martelo dun recordo no sangue/ e caer amodiño na sombra como a lúa/ enterra as súas cornas tras de Arxán... vintecatro anos despois do seu pasamento e un século máis tarde en que ¡outro home veu ó mundo!  xuntabamonos para cantar e recoñecer a grandeza da humildade dun veciño dos Vilares de Parga que pensou que os seus poemas non eran poemas nin cimentos de poemas siquera. Son fragmentos de min mesmo perdidos, coma ventos fuxidos por antigos camiños esquencidos...












No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.