domingo, 5 de enero de 2025

Esmelle sempre responde

 

                           Na foto, Miguel Parra, presidente da AdeVV Val de Esmelle, introduce o acto. Na mesa: Man Castro,                                                    Francisco Rodríguez e Paulino Gasalla


A "Biblioteca Germán Castro" de Esmelle, encheu o seu aforo para asistir a presentación do libro "Memoria Histórica de Covas, Esmelle e San Xurxo", que dirixe o profesor Guillermo Llorca -que onte non puido asistir-e que edita "Embora", editorial ferrolá con máis de tres décadas de vida.

O acto foi introducido polo presidente da entidade veciñal, Miguel Parra, que deu a benvida aos membros da mesa, mesa de cor moi esmudiense nesta ocasión, con Paulino Gasalla, gran activista social e cultural, moi vinculado a Esmelle e ao equipo de traballo da propia asociación de veciños e un servidor, que me honro en ser fillo desta localidade.
Francisco Rodríguez, editor, arrancou co turno de palabra dando valor a iniciativa da memoria histórica dos barrios ferroláns, colección que alcanza o noveno volume, e manifestou o esforzo que a propia editora está facer con esta serie desde hai unha década. Paulino Gasalla, que empezou empregándose cunha especie de "fala subdialectal", descubrindo de feito unha linguaxe esmudiense con peso das "xeadas, ("j" en lugar do "g" e outras particularidades) referiuse ao seu traballo centrado nos ríos, muiños e lavadoiros, aportación moi interesante, ben documentada graficamente. 

Finalmente, o que subscribe fixo unha descrición xeral dos contidos do libro e particularmente detívose nos seus traballos, sobre a construción da estrada Ferrol-Cobas, na que se inverteron 78 anos (1850-1928), proceso presidido por unha "eterna" polémica entre faccións políticas no momento de incorporar o proxecto no plan provincial de estradas, controversia que alcanzou con notoriedade aos xornais locais da época "La Monarquía" e "El Correo Gallego". Tamén desenvolvín a grandes trazos a historia do movemento asociativo, marcado pola alianza das parroquias de Cobas, Esmelle e Marmancón, desde o Centro Campesiño de Cultura (1913) ao Club Asociación de Cobas, Esmelle e Marmancón, coñecido co nome de "A Recreativa" dos anos sesenta. Este segundo traballo vai firmado tamén por José López Hermida.
En definitiva, Esmelle estreou o ano 2025 cunha fermosa e concorrida xornada cultural, que non eclipsou nin a "resaca" das festas nin o tempo que empezaba a mudar de signo.

Salientar que a presentación deste volume desfilou por Covas, Ferrol (Exponav), San Xurxo para rematar o roteiro en Esmelle.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.