martes, 7 de enero de 2025

Un só nada pode facer





(Insignia de ouro do Concello de Ferrol, 07-01-2025)

 

Alcalde, alcaldesa, corporacións municipais, autoridades, amigas e amigos

En primeiro lugar quero felicitar aos demais premiados, Cruz Vermella, Colexio Provincial de Médicos, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e HOAC. Para todos, con agarimo os meus parabéns.

En segundo lugar expresar, pola parte que me toca, como fixeron os anteriores homenaxeados e homenaxeadas, a miña fonda gratitude á Corporación Municipal de Ferrol, que se acordou de min e acreditoume merecente da insignia de ouro en recoñecemento á miña traxectoria profesional.

Nunha das primeiras galas anuais que organizaba Diario de Ferrol, creo que foi o entón alcalde Xaime Bello quen manifestou que polas miñas veas non corría sangue senón tinta dos xornais.

É unha metáfora fermosa que me prezo en lembrar de vez en cando porque representa nin máis nin menos que a vocación periodística que profeso desde moi novo, e que seguirei  a desempeñar mentres as forzas non me fallen.

Con todo, e para evitar confusións, engadirei que na realidade polas miñas veas corre sangue chairego. Os meus proxenitores -meu pai veu destinado a San Xoan de Esmelle como mestre de escola-eran (os dous) dos Vilares de Guitiriz, patria do poeta Díaz Castro a cuxa estirpe hónrome en pertencer. Non herdei, lamentablemente, a sonoridade e beleza lírica da palabra, pero si tratei de facer da mesma unha valiosa ferramenta para, na medida das miñas posibilidades e limitacións, exercer un xornalismo honesto.

Sen saír deste campo quero sinalar que estou convencido de que a posta en marcha de Diario de Ferrol ,que acaba de celebrar o 25 aniversario no ano que rematou, tivo moito que ver con este premio. De modo que, compañeiras e compañeiros, os que emprendestes a diáspora por mor dos efectos daquela crise de 2008 e os que sobrevivides no equipo actual, entre eles a director actual Cristina Rpdríguez Calvo, esta insignia de ouro perténcevos con toda xustiza.

Claro que tamén tivo que ver neste galardón o Club de Prensa de Ferrol que fundamos no ano 1987, imos camiño dos 38 anos de vida. Neste período o Club de Prensa actuou e actúa de auténtico dinamizador da cultura no ámbito local, mantendo intacta a andamiaxe que alumeou o comezo da súa andaina, articulada, como eixos fundamentais, en torno á comunicación escrita, gráfica e oral. FerrolAnalise, Galicia en Foco...

Compañeiros e compañeiras, Xulia Díaz Sixto, presidenta, que, ao longo dos anos, tamén rendichedes o voso concurso ao Club de Prensa de Ferrol, van por vós uns quilates desta insignia de ouro.

Recordar neste momento a periodistas, homes e mulleres, cos que convivín nos xornais polos que transitei e dos que moito aprendín: Ferrol Diario, Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Diario de Ferrol, e sempre en Ferrol a pesar de que tiven oportunidade de marchar e promocionarme profesionalmente. Neste contexto, memoria para un esgrevio do xornalismo galego, Juan Ramón Díaz, que xa non está entre nós, que se non tivera a ocorrencia de crer que eu era persoa idónea para por en marcha o Diario de Ferrol, o máis probable é que eu tampouco estaría aquí, recibindo esta insignia de ouro.

E non esquecerei o meu paso polas aulas mindonienses cando era un adolescente. Recordo que un cura dos que nos gobernaba mandoume subir ao púlpito que tíñanos no refectorio, o comedor, para que lera as novas dun xornal que ían salientadas con trazo vermello. Vaite saber si alí, no Seminario de Mondoñedo, factoría cultural e literaria como o definiu Armando Requeixo, universidade no seu tempo das familias economicamente humildes, lendo El Progreso, de Lugo, xermolou á miña paixón polo periodismo.

 Esmelle topónimo con claras resonancias cunqueirianas, fermoso val de prados ríos e muiños, lugar onde eu nacín vai tamén por vós.

Familia e amigas e amigos da chaira luguesa, escuso dicir que ferve en min máis que nunca a vilareguía.

E que dicirlle á miña familia, a familia Castro del Río, fundada no barrio de Canido, aló polos anos sesenta do século pasado, familia que soportou e segue a soportar as circunstancias de ter no seu seo a un marido, pai e avó apaixoado romántico do xornalismo. Grazas, Quérovos, familia.

Non teño dúbida de que a sociedade ferrolá é una sociedade franca, xenerosa e solidaria e hoxe temos aquí unha proba representada pola primeira institución local que agasalla, que homenaxea a entidades e persoas.

Esta sociedade xenerosa e solidaria, de mirada limpa, é a que eu quero seguir pregoando nunha crónica á que lle faltan aínda por escribir algúns capítulos coa miña modesta sinatura.

Remato cun brevísimo fragmento do poema, titulado “Coma brasas”, da autoría do excelso poeta do Vilariño, Xosé Mª Díaz Castro.

Poeta ou non, eu cantarei as cousas

que na soleira de min mesmo agardan.

Alumarei con fachas de palabras,

ancho herdo meu, o mundo que me deron.

 

Grazas, Ferrol!!

 

 

 

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.