martes, 11 de febrero de 2025

O gran mitin galeguista de 1917

 


O martes día 11 cumprirase o 108 aniversario dun encontro preparatorio da fundación das Irmandades da Fala que reuniu a esgrevios coruñeses e ferroláns, celebrado na segunda das cidades. Estamos no ano 1917 cando agromaba a sensibilidade galeguista e as arelas de sacarse de enriba o sambenito dunha Galicia aldraxada e dun perfil de home (xenérico) galego, que era considerado como o “máis aldraxante e ruín”, segundo salientaba un manifesto elaborado polos Irmáns ferroláns chamando a participación.

“Ferrolás, axudaremos a erguer nosa Galicia, hoxe po-lo chao en mans de quenes convirtírona en osos n-os que veñen roendo fai tempo cás cativos que temos de facer que fuxan para sempre e deixen a nosa nai coidada pol-os seus máis enxebres, bos e intelixentes fillos”.

Da Coruña viñeron a Ferrol: Faraldo, Carballal, Couceiro, Tettamancy, Rodríguez González, Somoza, Freire, Parga, Mariñas, Lugrís, Antón Villar Ponte, Castro, Serrano, Chao e Noguerol.

En Ferrol agardaban Toxos e Froles, co seu presidente C. Vaello, Airiños da miña terra, co seu director Seoane Pampín, o notable pintor Camilo Díaz, o musicólogo Arana (Pizzicatto), o poeta Emiliano Balás, os autores cómicos Charlon-Hermida, o xornalista Pedro Fraga de Porto, o mestre García Niebla, etc, etc.

Ferroláns e coruñeses dirixironse  polas rúas Galiano e Real ao Salón Amboage, onde ía ter lugar o mitin, que introduxo Euxenio Charlón, dando paso a Ricardo Carballal do que dixo que era un mestre de primeiro enxeño, escritor intelixente e galego exemplar. Tivo palabras tamén para os outros conferenciantes: “Escoitemos atentos [...] a estes novos apóstoles da nosa raza, dispostos hasta o sacrificio, se é menester, polo rexurdimento dunha nova xeneración que sexa merecente de figurar na segunda época da nobre Historia de Galicia”.

Antón Villar Ponte

Imos seguir preferentemente o discurso de Antón Villar Ponte, que, favorecendo o traballo do cronista de A Nosa Terra, estaba integramente escrito e do que sacamos aqueles fragmentos que nos pareceron máis interesantes.

[...] Nin aprausos nin gabanzas pois non veño a engaiolar vosos ouvidos con verbas bonitas que desprecio [...] senon a procurar chantar no voso miolo as flechas dun novo evanxelio de libertá [...] ¡Fora o cruñesismo, o viguismo, o ferrolanismo! Fora todos estes ismos fratricidas que esnaquizan a nosa Terra facendo imposible, coma outros tantos reinos de taifa, a reconquista da alma rexional.

[...] Fixadevos no que hoxe é Galicia: unhas cantas cidades e vilas cheas de señoritos desertores do traballo, chulos de credenciais, zánganos do trobo da colmea centralista, sen alma e sen fe [...] e por outro lado unha Galicia rural, unha Galicia traballadora que é toda Galicia pro caso, xa que representa máis da sexta parte da nosa poboación, que está inédita pra cibdadanía que vexeta estambullida ó marxe das leises, esquencida de todos.

[...] Hay que facer da Galicia de señoritos andróxinos, piollos da nosa decadencia [...] unha Galicia de labregos [...] Hay que facer de Galicia unha rexión europea”.

Villar Ponte continúa a súa oratoria reclamando unha política inédita, “feita por primeira vez en gallego”  traendo ao paso unha mención especial ao ferrolán Rodrigo Sanz “un gran gallego, que fala e pensa en gallego [...] traballando sen trégolas pol-os intereses outos de Ferrol e de Galicia”.

O orador fai ao longo da súa alocución (textos que respectamos no sentido literal) unha gran defensa da nosa lingua na crenza de que facer país pasa por “falar e esquirbir en gallego”. ¿Qué poderá ser Galicia s’arrenega da sua alma que é a sua lingua, donada por Dios, xenerada nos seos misteirosos da raza, recibida por nos en herdo dos nosos pais, dos nosos abós, do nosos dinantepasados”.

Máis adiante enfronta a Galicia labrega coa Galicia industrial. “¿Queredes unha Galicia comercial e industrial? ¿É isa a vosa aspiración? A nos non nos abonda isto pra vivire. E isto sería Galicia, cando máis fose -entendédeo ben- unha fautoría, pior aínda: unha chea de fautorías esporádicas, se perdera sentimento y-o pensamento que latexan na sua lingua. [...] Nos queremos darlle a Galicia a lingua con todo o que a lingua representa pra que a Galicia andróxina e siñoriteira volva pol-o seu [...] porque pobo que recobra a sua lingua recobrase a sí mesmo”.

[...] Chamadenos  soñadores, si queredes, pro o noso soño é un soño de redención que busca o querer pubrico pra impoñelo ó poder púbrico, soño grande pol-o que nos fariamos mártires, pol-o que dariamol-o sangue das nosas veas”.

Manuel Lugris

Segundo o cronista deste mitin, Manuel Lugrís tivo un discurso “fermosísimo, que electrizou ós aouvintes. Lugrís, orador quente, de corpo enteiro, mestre na propaganda dos mitins”.

Pola súa parte, o conferenciante dedicou unha pasaxe a Ferrol, lembrando a revolta cibdadana de Patiño. Falou “d’aquela ridente vila onde hai baluartes do enxebrismo, exemprares pro resto da rexión” e citou ao Toxos e Froles e Airiños da miña terra. Seguindo da man do cronista de A Nosa Terra, Lugris fixo un estudio filolóxico do noso idioma e falou de linguas libres e escravas. Ridiculizou aos “siñoritos que se rin dos “Amigos da Fala” e rematou salientando que o rexionalismo era o camiño da paz e da liberdade. Ao final cantáronse os himnos de Pondal e Brañas.

O trato do xornal local

O acontecemento tivo escasa repercursión mediática. Á marxe do trato que lle deu ao encontro das Irmandades da Fala a publicación A Nosa Terra, xeneroso en espazo e datos, como non podía ser doutra maneira, o único xornal local El Correo Gallego dedicoulle unha nota a unha columna na primeira páxina, co seguinte texto:

El domingo se celebró en el salón Amboage, con regular concurrencia, el anunciado mitin regionalista. Nuestro convecino, el señor Charlón presentó a los oradores que fueron los señores Carballal, Villar Ponte y Luis Freire, cuyos discursos versaron acerca de los temas ya conocidos. Hubo su miaja de propaganda electoral sin consecuencias. Toxos e Froles cantó los himnos gallegos de Brañas y Pondal. Y terminó, después de esto, el acto, que resultó muy ordenado.”

Constitución de Irmandades de Ferrol

Engadiremos que Ferrol foi unha das primeiras cidades nas que afincou o movemento das Irmandades da Fala, contando cun importante respaldo social e apoio de persoas vinculadas á entidades tales como o Toxos e Froles e a rondalla Airiños da miña terra, e, en xeral,  comprendendo a persoas de moi variada condición social e ideoloxía política, pero baixo o denominador común do amor a Galicia, a defensa da súa cultura e o compromiso de propagar a lingua galega.

O histórico feito tivo lugar o 15 de abril do citado ano no curso dunha xuntanza celebrada na sede de Airiños e o consello local de Irmandades quedou constituido da seguinte forma: primeiro conselleiro, o médico Xaime Quintanilla Martínez; segundo, o profesor García Niebla, como secretario o autor teatral Euxenio Charlón Arias e tesoreiro o médico Francisco Cabo Pastor.

 (Este artigo foi publicado no supl. Nordesía/Diario de Ferrol, 09.02.2025)

 

 

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.