domingo, 15 de enero de 2023

Carvalho Calero e Tomás Barros, ferroláns de culto

 


Ricardo Carvalho Calero e Tomás Barros Pardo convocaron o pasado venres no Centro Cultural Torrente Ballester ao Ferrol das esencias culturais, á alma literaria e intelectual dunha cidade que responde cando se tocan as súas fibras sensibles, as súas entrañas identitarias. Poden ser feitos ou poden ser figuras, poden ser episodios históricos ou personalidades que superan o listón do común para reinar na orla da excelencia e do rigor. Ou
ambos casos, que de todo temos. E a moita honra. A foto da sala chea, con xente de pé, non é a gráfica habitual dunha de tantas presentacións de libros.
O de onte era todo un acto de fe, unha liturxia que canonizaba valores referenciais que perduran e perdurarán no noso particular acervo, mesmo máis aló de As Pías, apontoan a cartografía das letras e as artes da Galicia dun “paso adiante e outro atrás” que cantou o ilustre vate vilarego Díaz Castro, por certo moi amigo tamén de don Ricardo.
É verdade, como destacou o profesor Freixeiro Mato, autor do libro “Correspondencia entre Carvalho Calero e Tomás Barros” (1947-1973) que estamos ante dous perfís de trazos moi diferenciados, un, don Ricardo, que xa figura -non sen tempo- no olimpo das Letras Galegas e outro, don Tomás Barros ao que “hai que reivindicar”, dixo Freixeiro, máis aliñado co pensamento e o ensaio filosófico, ademais do seu talento creador como pintor, escritor e poeta.
Freixeiro Mato, que confesou que descoñecía a intensa relación que existiu entre Carvalho Calero e Tomás Barros, falou da importancia e funcionalidade da correspondencia epistolar, “xénero en extinción” e do amor por Ferrol que profesaban ambas personalidades. Valores nos que tamén fixo fincapé o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, “nas cartas hai moitas historias, moitos matices que non contan os libros”, manifestou o secretario xeral de Política
Lingüística da Xunta de Galicia, quen así mesmo destacou o labor do Club de Prensa, póndoo como exemplo de elemento da dinamización cultural “e eu sei ben do que falo ao moverme por toda a xeografía galega”, eloxios que personalizou no intenso labor que desprega a presidenta Xulia Díaz Sixto. Os
parabéns
á entidade editora foron referendados por Freixeiro Mato, María Vitoria Carballo Calero Ramos, que recordou que algunha vez vira a Tomás Barros pola súa casa, Araceli Barros, que ao lembrar “Aturuxo” (revista de poesía) citou a Miguel Carlos Vidal para o que pediu unha digna homenaxe. O edil de Cultura, representou ao alcalde no acto e destacou a importancia do libro presentado, resaltando o activismo do Club de Prensa de Ferrol.
O volume ”Correspondencia entre Carvalho Calero e Tomás Barros. Unha amizade con Ferrol de fondo” (1947-1973) mereceu o apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Ferrol. “Proyectos gráficos Aldine” realizou, unha vez máis, un atinado traballo de deseño e preimpresión, polo que tamén mereceu loubanzas na velada literaria de onte, que foi conducida pola presidenta do CPF, Xulia Díaz Sixto.

Nas fotos, arriba, o profesor Freixeiro Mato, autor do libro
Abaixo, pola esquerda, Freixeiro Mato, Antonio Golpe, concelleiro de Cultura de Ferrol, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Linguística, María Victoria Carballo Calero Ramos e os irmáns Araceli e Tomás Barros Cao.










No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.