miércoles, 2 de junio de 2021

No 22 aniversario do xornal "Diario de Ferrol"·

 


Chegados a esta data, Inevitablemente hei facer recordatorio de que tal día coma hoxe do ano 1999 nacía o Diario de Ferrol, un proxecto que me puxo nas mans o prestixioso xornalista Juan Ramón Díaz García (1941-2015).

-Ti non dicías que Ferrol necesitaba un xornal?
-Dicía aínda que a ti, como director da Voz de Galicia, creo que non che gustaba moito.
-Pois é o momento de falar disto. Vémonos?
Entón Juan Ramón xa abandonara a Voz e estaba empeñado en resucitar "El Ideal Gallego" e o "Grupo La Capital".
Así comenzaba esta historia, cunha chamada telefónica que despertou en min un soño que nunca pensei que fora posto ao meu alcance: dotar á miña cidade e comarca dun xornal propio, que defendera os seus intereses sen interferencias de ningún tipo, baseado nun xornalismo honesto, imparcial, libre. Confeso que era consciente de que afrontaba algo moi difícil, que cargaba cunha gran responsabilidade histórica. Non escapei ao reto e din un paso adiante. O demais correría a cargo dun equipo ao que nunca me cansarei de recoñecerlle o éxito daquela operación e de expresarlles a miña profunda gratitude.
Foi un xornal que repetía beneficios un ano tras outro, que crecía como a espuma, que se gañou a confianza o agarimo e o respeto de colaboradores, lectores, anunciantes e subscritores. Estou a referirme a un período que empezou no 1999 e rematou no ano 2010, cando me xubilo. O que sucedeu despois non está no meu caderno de bitácora. Só podo dicir, dato contundente, que asomaba a crise da burbulla inmobiliaria. O xornal sigue aí e que sexa por moitos anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.