Pastora Veres |
Hoxe
marcharei pola tarde aos Vilares de Guitiriz. Alí, na Casa Habanera, vai ter
lugar unha especie de revisión de galeradas, e dicir, dos textos de todos os
entrevistados por Pastora Veres para a obra "Os Vilares, lareira de
soños". Eu tamén ando entre os elixidos, porque así o quixo a autora,
enterada dos meus lazos de sangue coa terra chairega. A miña nai era -van cumprirse dez anos do seu pasamento- dos "Camuza" de Lea e o meu pai -falecido en decembro do 1979- procedía do lugar dos
Manchás, ambos espazos territoriais pertencentes á parroquia dos Vilares. O tema foi motivo dunha conversa que mantivemos nunha visita que tivo a xentileza de facerme, hai xa algún tempo, Pastora Veres, que viña na compaña da súa filla, Clara e de Antón de Guizán. Aquí, en Papoi, quixo que lle contara algo da rama
mancharenga. Naturalmente, ao falar dos Manchás saiu a figura do esgrevio poeta
Díaz Castro. Agora quere que lle demos un repaso, en
sesión comunitaria, antes de que o material pase definitivamente ao prelo. Pastora,
ten alma de xornalista, houbera sido xornalista, pero as circunstancias da vida
levaronna por outros vieiros. Estou convencido de que destacaría en calquera
dos xéneros, aínda que probablemente na area da investigación e do
reporteirismo brillaría especialmente, labor que estaría presidido polo seu marcado activismo e compromiso social. Pois mira por onde, está a facer un
traballo de recuperación con varias frontes abertas: antropolóxica,
etnográfica, social, patrimonio material e inmaterial, a través dos testemuños de vilaregos de aquí e
de acolá, xa que en máis dun caso tivo que desprazarse para valeirar a memoria
histórica de xentes maiores que atesouran vivencias, experiencias,
anecdotario. "Os Vilares, lareira de soños" ten asegurado o éxito
antes de sair da imprenta. Foron moitas as familias coas que estableceu
contacto a autora, familias que agora estan expectantes e desexando ver o
produto do traballo e inxente esforzo de Pastora Veres. Hoxe, paso decisivo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.